Lengua
A lingua galega –o galego– pertence á familia das linguas románicas –coma o francés ou o catalán– e é o resultado da evolución do latín introducido polos romanos no noroeste da península Ibérica. Desde o século IX a lingua falada nesta área era tan diferente que podemos considerar a existencia de dúas linguas: o latín e o galego. O documento literario máis antigo que coñecemos actualmente é a cantiga satírica "Ora faz ost'o senhor de Navarra, escrita a fins do século XII por Joam Soares de Pavia. Os primeiros documentos non literarios en lingua galega foron Noticia de Torto (1211) e o Testamento de Afonso II de Portugal (1214), os cales son exemplos da prosa tabeliónica medieval, que se remonta a principios do século XIII. Este foi o período máis brillante da literatura galega. O galego chegou a ser a lingua da poesía lírica en toda a península. Con propiedade, debemos falar de poesía lírica galego-portuguesa, porque ata mediados do século XIV ambas as linguas formaron un mesmo tronco.
A fins do medievo, a lingua e a literatura galegas entraron nun período de decadencia. Os factores que causaron esta progresiva decadencia foron diferentes: o asentamento en Galicia dunha nobreza foránea, etc. Nese contexto político, o galego estivo ausente dos usos escritos durante un longo período de tres séculos –XVI, XVIII e XVIII– chamados Séculos Escuros.
No século XVIII houbo voces que, influenciados polos ideais ilustrados, mostraron a súa preocupación polo subdesenvolvemento do galego e ofreceron novas achegas aos ámbitos económico, social e cultural.
"Rexurdimento" é o nome do noso movemento de renovación cultural, o cal tivo lugar ao longo do século XIX. Cantares Gallegos, a primeira obra escrita totalmente en lingua galega, publicada en 1863 por Rosalía de Castro, inaugurou o "Rexurdimento" pleno. A primeira gramática e dicionario galegos, esenciais para a súa estandarización, apareceron tamén no século XIX.
A consolidación do galego non tivo lugar ata o século XX. A recuperación do galego como lingua histórica, cultural e literaria confirmouse cara a finais do século XX; ao mesmo tempo, produciuse unha mingua evidente no uso oral. O galego non viviu aínda unha situación de plena estandarización e, de feito, sufriu unha queda en certos ámbitos sociais (clases media e alta) e en determinadas áreas xeográficas (urbanas).
Breve descripción de la organización representada en el proyecto
As accións de sensibilización e dinamización do uso do galego en todos os niveis da vida pública en Galicia lévanse a cabo a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O principal obxectivo desta institución é a promoción do uso do galego na sociedade por medio de accións dirixidas á plena galeguización da sociedade, loitando contra os prexuízos e promovendo actitudes favorables.
Territorio donde se habla
O territorio xeográfico da lingua galega está delimitada pola Comunidade Autónoma Galega e as áreas máis occidentais de Asturias, León e Zamora. Galicia ten máis de 2.800.000 habitantes.
Datos sociolingüísticos disponibles
O galego é a lingua da maior parte da poboación de Galicia: de 2.800.000 habitantes aproximadamente dous millóns e medio manifestan que o galego é a súa lingua usual. Este alto nivel de falantes sitúa a Galicia nunha situación excepcional en comparanza con outras linguas minorizadas, e demostra a súa validez para todo tipo de situacións comunicativas. Os últimos datos estatísticos demostran que o galego está nunha situación favorable. A pesar das dificultades históricas, as cales mantiveron o galego afastado dos rexistros formais, as sucesivas xeracións de galegos mantiveron a súa lingua a través dos anos.
O avance na recuperación social do galego produciuse a través dun incremento do uso da lingua na vida pública. Un avance cualitativo tivo lugar inmediatamente despois de lograr o estatus de lingua oficial e, especialmente, despois da incorporación do galego nas áreas da educación, administración e medios de comunicación. A maior presenza do galego en áreas das que estivo tradicionalmente apartado supuxo un cambio na súa valoración. Actualmente, pódese comprobar unha mellora considerable nas actitudes cara ao galego, que se desenvolveron nos últimos vinte anos: o 72% da poboación manifesta unha actitude positiva cara á lingua de Galicia; o 68% pensa que o galego é unha lingua tan ou máis útil có castelán, e o 66% considera que a lingua propia de Galicia debe ser a lingua usada na escola.
Estes e outros aspectos aparecen reflectidos no Mapa Sociolingüístico de Galicia, MSG, un importante traballo realizado grazas a un acordo entre a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega. O estudo foi estruturado en tres volumes: Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia, Usos lingüísticos en Galicia e Actitudes lingüísticas en Galicia. O MSG foi elaborado a partir de 38.897 enquisas, que nos ofrecen a opinión dunha mostra representativa da cidadanía. O Mapa, que recolle os usos lingüísticos do país entre 1994 e 1997 en ámbitos tan diferentes coma o social, cultural e xeográfico, constitúe ata o momento presente a ferramenta máis fidedigna para a análise sociolóxica da lingua galega.
Paralelamente á conquista de áreas de prestixio, a competencia lingüística dos falantes incrementouse considerablemente, debido principalmente ao resultado da introdución, en 1979, da materia de lingua e literatura galegas nos programas escolares.
Se ben dous terzos da poboación vive aínda nas áreas rurais, cómpre prestar especial atención á análise da evolución da competencia lingüística nas cidades, xa que nestes lugares fálase máis en castelán e tradicionalmente marcou os hábitos lingüísticos no país. Actualmente, podemos comprobar que a competencia a nivel oral (o 95% da poboación entende o galego e o 80% fálao) ou escrito (preto do 30% pode escribilo) é moi alto.
Estes datos contrastan coa diminución de falantes monolingües en galego. A tradicional escolarización de xeracións de pais e nais e mais a influenza dos medios de comunicación son dous dos factores que causaron a ruptura xeracional no uso do galego segundo os grupos de idade.
Estatus legal de la lengua
O Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en 1981, recoñece o galego como lingua propia de Galicia, a cal "todos teñen o dereito de a coñecer e usar", e ao mesmo tempo responsabiliza aos poderes públicos da normalización do galego en todos os ámbitos. A Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade o 15 de xuño de 1983 no Parlamento de Galicia, garante e ordena os dereitos lingüísticos dos cidadáns, especialmente os referidos aos ámbitos da administación, a educación e os medios de comunicación.
Trala promulgación da lei, diferentes ordes e decretos, que complementan o marco legal e aseguran a recuperación do galego na administración local, xudicial e militar, foron aprobados de forma ininterrompida. Este marco lexislativo ofrece a posibilidade de comunicarse en lingua galega coas diferentes administracións que actúan en Galicia e recoñecen os topónimos galegos como única forma oficial. Ademais, en virtude da Lei de Normalización Lingüística, a administración local e autonómica está obrigada a escribir todos os seus documentos oficiais en galego; está establecida a presenza do galego no sistema educativo desde a educación primaria e garántese a promoción lingüística nos países con comunidades galegas emigrantes e nas áreas limítrofes con Galicia nas que se fala o galego.
Durante os máis de vinte anos de aplicación da Lei de normalización lingüística producíronse avances decisivos no proceso de normalización da lingua. O coñecemento do galego esíxese para o acceso a un posto de traballo na administración pública, segundo se establece na Lei de función pública; igualmente, mellorouse o seu estatus coa aprobación, en 1997, da Lei de réxime local e doutras leis sobre os dereitos lingüísticos dos consumidores, a etiquetaxe de produtos, etc.
Retos comunes para la lengua
Un plan de normalización lingüística foi aprobado unanimemente no Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2004. Este texto estrutúrase en sete sectores sociais: administración, educación, familia e mocidade, medios de comunicación e industrias culturais, economía, sanidade, sociedade, e promoción exterior. Ademais, o documento inclúe numerosas accións específicas (445) destinadas a conseguir o seus obxectivos, sendo un dos principais estender o uso do galego nas tecnoloxías da información.
Web links